luns, 28 de marzo de 2022

 MARZO MES DA POESÍA

 No IES Lagoa de Antela andamos enredando coa poesía, comezamos con Rosalía de Castro en febreiro e esta semana poñemos o punto final cunha visita que xurdiu por contacto dunha alumna. 

O pasado 24 de marzo tivemos a sorte de gozar da compañía da música e compositora Inés Mirás, integrante da  A banda da Loba, grupo de música galego formado por mulleres fortes e emprendedoras que deixan ben alto o nivel da interpretación e composición musical  na nosa lingua.

Seguro que aínda que todos tiñamos escoitado a música do grupo,  co traballo “Hasme oír” no que xogan con versos de Xela Arias para celebrar as Letras do 2021, todos puidemos coñecelas un chisquiño máis a súa música, porque sacaron a poesía á rúa como quería a escritora para facela de todos.

De Inés sabemos que a súa formación musical comeza con só 7 anos na escola de música de Ordes e ligada ao clarinete, para logo seguir formándose, coñecendo outros intrumentos, como o piano , ata que se instala en Santiago de Compostela e no conservatorio musical da cidade fai a carreira de guitarra. Ademais de estudar artes escénicas e produción audiovisual.

Esta formación permítelle compaxinar a composición, co deseño de implantación de espazos sonoros en videoxogos e a interpretación de guitarra na Banda da Loba. 

Se visitades a súa web sinesita.com tedes os últimos proxectos nos que andou a trebellar e os premios que recoñecen o bo traballo da artista e do grupo (por exemplo en 2018 gañan o  1º Premio á mellor música galega “A banda da loba” - Premios “Aritmar Galiza e Portugal”).




Ningún comentario:

Publicar un comentario