xoves, 18 de abril de 2013

CITA CON GONZALO MOURE



O pasado sábado 13 de Abril varias persoas tivemos a oportunidade de coñecer e pasar a mañá co escritor Gonzalo Moure, autor de libros como Palabras de caramelo ou El síndrome de Mozart, lidos por alumnado do no noso instituto.
            A organización correu a cargo da responsable da biblioteca do IES de Allariz, María Sánchez, que nos brindou a oportunidade de poder coñecer persoalmente este escritor.
            A experiencia foi moi gratificante, descubrimos unha persoa próxima, educada e moi sensible cos problemas do Sahara.
            Rodeado de nenos na Fundación Vicente Risco da capital allaricense e respondendo todas as preguntas de maiores e sobre todo de pequenos, contounos o que tarda en escribir un libro, de onde xorden os títulos, o porqué das ilustracións…
Falou de case todas as súas obras: El beso del Sahara, Palabras de Caramelo, Soy un caballo… e presentou o seu último libro, Cama e conto, relatando como xurdiu a idea e a persoa na que se inspira.
Desde aquí aproveitamos para darlle as grazas a María por todo o seu esforzo na organización e a Gonzalo Moure polas súas palabras tan cheas de sentido e emoción.


 

ENCONTROS PLAMBE



Os días 7 e 8 de marzo celebráronse en Santiago os Encontros do Plan Mellora de Bibliotecas Escolares 2012/2013.
Ana Escudero, profesora de Plástica e responsable da biblioteca do noso centro, participou nunha mesa de experiencias cun relatorio, “A biblioteca como factor de compensación social”, na cal describiu a posta en marcha durante o presente curso do préstamo de ordenadores portátiles dende a biblioteca.
A xornada foi moi enriquecedora, coa posibilidade de encontros entre os responsables de máis de 400 bibliotecas escolares de toda Galicia, ademais da posibilidade de escoitar na clausura ao magnifico escritor Agustín Fernández Paz cunha magnifica exposición sobre “A construción do lector”.
Resultou un día intenso e inesquecible.





 

domingo, 7 de abril de 2013

PROXECTAMOS AS MULLERES DE VERDADE TEÑEN CURVAS, DE PATRICIA FERREIRA

Entre as actividades programadas para marzo, mes pola igualdade, destacamos a proxección da película As mulleres de verdade teñen curvas, de Patricia Ferreira. O alumnado de 1º de BAC viu a película e debateu sobre o seu contido. Unha rapaza enfróntase a súa nai para variar o destino que esta lle tiña asignado. Conflitos de xénero, de clase e culturais teñen cabida neste filme de visión recomendada.

Na páxina do STEG encontramos máis información sobre a película.