domingo, 30 de xuño de 2013

FELIZ VERÁN LECTOR!!



Este curso, con máis de 3000 préstamos rebentamos as estatísticas, superando con creces o ano pasado. O éxito debeuse, sobre todo, a que dende o equipo da biblioteca incentivamos a lectura na aula noutras materias ademais das de Lingua e Literatura proporcionando información e libros ao profesorado. 

Optimizáronse recursos, empregando as mesmas lecturas en diferentes niveis e clubs en distintos tramos temporais, feito que favoreceu o acceso da comunidade educativa aos mesmos libros. Asemade, este compartir lecturas serviu como campaña de publicidade interna para favorecer o hábito lector fóra do circuíto académico. 

Para rematar, deixamos aquí unhas fotos dos usuarios da biblioteca realizando diferentes actividades no espazo lector e unha crónica sobre as mochilas viaxeiras da alumna de 3º de ESO e membro do club de lectura Uxía Peleteiro, elaborada para unha tarefa de Lingua Galega e Literatura.

FELIZ VERÁN LECTOR!!



AS MOCHILAS VIAXEIRAS INVADEN O I.E.S LAGOA DE ANTELA

A poucas semanas de que o curso remate e o verán chegue, os alumnos e alumnas do I.E.S Lagoa de Antela prepáranse para pasar unhas vacacións gozando da compaña dos libros.
Xa hai mais de 23 mochilas entregadas, e aínda non rematou o curso, por iso podemos dicir que a lectura entre os estudantes é todo un éxito.
Entre os xéneros máis destacados encontramos a ciencia ficción e a fantasía. Pola asombrosa  acollida que tiveron este ano as mochilas viaxeiras, moitos dos alumnos víronse na obriga de desprenderse dalgúns libros, con pesar. Tamén se ve que as rapazas e os rapaces realizan pequenos pactos entre eles para intercambiarse os libros.
As mochilas viaxeiras son todo un éxito. É moi fácil facerse cunha delas, tan só tes que acudir á biblioteca, elixir os libros que desexes, metelos na mochila e rexistralos, e xa podes levar a mochila, e gozar dos libros durante todo o verán.
Entre os autores encontramos a Laura Gallego, Paulo Coelho, Ana María Matute, Xulia Alonso Díaz....
Hai un gran abano de libros que escoller: ciencia ficción, fantasía, poesía. Podes encontrar o libro perfecto para ti, pasa pola biblioteca e elixe o que máis che guste.

Uxía Peleteiro, 3º ESO











xoves, 13 de xuño de 2013

LETRAS GALEGAS NO IES LAGOA DE ANTELA



Celebramos as Letras Galegas con múltiples actividades organizadas entre a biblioteca e o ENDL: varias escenificacións sobre a vida e a obra de Roberto Vidal Bolaño, concurso de creación teatral e a lectura do poema “Adiós ríos, adiós fontes” de Cantares Gallegos de Rosalía en varios idiomas. Tamén contamos coa presenza de Cándido Pazó que fixo rir e reflexionar o alumnado e o profesorado no Salón de Actos.

No blog do ENDL colgamos máis información e fotos das actividades.








luns, 27 de maio de 2013

LETRAS GALEGAS 2013

Celebramos e seguimos a celebrar as Letras Galegas todo o mes. Subimos as fotos e crónicas das actividades ao blog do EDL O falar non ten cancelas. Deixamos unha pequena mostra.

Felicitar o alumnado do club de lectura e de teatro que participou nas actividades, que aínda non remataron, pois falta unha última homenaxe a Roberto Vidal Bolaño.

Cándido Pazó arrancou risas e aplausos a rabiar.

Vídeo con "Adiós ríos, adiós fontes" de Rosalía en varios idiomas.

luns, 13 de maio de 2013

LETRAS GALEGAS 2013




Celebramos as Letras Galegas con varias actividades que terán lugar na biblioteca:


MÉRCORES 15, 2º RECREO:
CONMEMORACIÓN 150 ANOS DE CANTARES GALLEGOS DE ROSALÍA DE CASTRO: LECTURA DE “ADIÓS RÍOS, ADIÓS FONTES”  EN VARIOS IDIOMAS (GALEGO, CATALÁN, ÁRABE, ALEMÁN, INGLÉS, FRANCÉS)
ENTREGA DE PREMIOS DOS CONCURSOS LITERARIOS E PLÁSTICO

MÉRCORES 22, 2º RECREO:
TEATRO (escena de Animaliños e Touporroutou da Lúa e do Sol, de Roberto Vidal Bolaño)

MÉRCORES 29, 2º RECREO:
TEATRO (biografía dramatizada de Roberto Vidal Bolaño)

XOVES 30, 2º RECREO:
TEATRO (Un parque moi animado)