domingo, 30 de xuño de 2013

FELIZ VERÁN LECTOR!!



Este curso, con máis de 3000 préstamos rebentamos as estatísticas, superando con creces o ano pasado. O éxito debeuse, sobre todo, a que dende o equipo da biblioteca incentivamos a lectura na aula noutras materias ademais das de Lingua e Literatura proporcionando información e libros ao profesorado. 

Optimizáronse recursos, empregando as mesmas lecturas en diferentes niveis e clubs en distintos tramos temporais, feito que favoreceu o acceso da comunidade educativa aos mesmos libros. Asemade, este compartir lecturas serviu como campaña de publicidade interna para favorecer o hábito lector fóra do circuíto académico. 

Para rematar, deixamos aquí unhas fotos dos usuarios da biblioteca realizando diferentes actividades no espazo lector e unha crónica sobre as mochilas viaxeiras da alumna de 3º de ESO e membro do club de lectura Uxía Peleteiro, elaborada para unha tarefa de Lingua Galega e Literatura.

FELIZ VERÁN LECTOR!!



AS MOCHILAS VIAXEIRAS INVADEN O I.E.S LAGOA DE ANTELA

A poucas semanas de que o curso remate e o verán chegue, os alumnos e alumnas do I.E.S Lagoa de Antela prepáranse para pasar unhas vacacións gozando da compaña dos libros.
Xa hai mais de 23 mochilas entregadas, e aínda non rematou o curso, por iso podemos dicir que a lectura entre os estudantes é todo un éxito.
Entre os xéneros máis destacados encontramos a ciencia ficción e a fantasía. Pola asombrosa  acollida que tiveron este ano as mochilas viaxeiras, moitos dos alumnos víronse na obriga de desprenderse dalgúns libros, con pesar. Tamén se ve que as rapazas e os rapaces realizan pequenos pactos entre eles para intercambiarse os libros.
As mochilas viaxeiras son todo un éxito. É moi fácil facerse cunha delas, tan só tes que acudir á biblioteca, elixir os libros que desexes, metelos na mochila e rexistralos, e xa podes levar a mochila, e gozar dos libros durante todo o verán.
Entre os autores encontramos a Laura Gallego, Paulo Coelho, Ana María Matute, Xulia Alonso Díaz....
Hai un gran abano de libros que escoller: ciencia ficción, fantasía, poesía. Podes encontrar o libro perfecto para ti, pasa pola biblioteca e elixe o que máis che guste.

Uxía Peleteiro, 3º ESO











xoves, 13 de xuño de 2013

LETRAS GALEGAS NO IES LAGOA DE ANTELA



Celebramos as Letras Galegas con múltiples actividades organizadas entre a biblioteca e o ENDL: varias escenificacións sobre a vida e a obra de Roberto Vidal Bolaño, concurso de creación teatral e a lectura do poema “Adiós ríos, adiós fontes” de Cantares Gallegos de Rosalía en varios idiomas. Tamén contamos coa presenza de Cándido Pazó que fixo rir e reflexionar o alumnado e o profesorado no Salón de Actos.

No blog do ENDL colgamos máis información e fotos das actividades.