luns, 22 de abril de 2013

MES DOS LIBROS







Celebramos o mes dos libros con varias actividades:

  • Concurso de marcapáxinas, edición do gañador, cunha frase de José Luis Sampedro, e repartición á comunidade educativa.
  • Exposición de marcapáxinas e carteis pola lectura realizado polo alumnado de 1º e 3º de ESO na biblioteca e corredor de acceso.
  • Confección dun vídeo con lecturas que gustaron a membros da comunidade educativa (alumnado, profesorado, bedeis e persoal administrativo) e proxección deste na semana do 23 de abril.
  • Confección dun cartel para conmemorar o día.
  • Publicación de contos de medo escritos por alumnado de 3º de ESO.
  • Lecturas recomendadas.
  • Repartición de marcapáxinas con textos de Paula Carballeira e Agustín Fernández Paz enviados por Bibliotecas Escolares ao alumnado.  
 Colgamos parte dos materiais no blog lector Nós tamén navegar.



xoves, 18 de abril de 2013

CITA CON GONZALO MOURE



O pasado sábado 13 de Abril varias persoas tivemos a oportunidade de coñecer e pasar a mañá co escritor Gonzalo Moure, autor de libros como Palabras de caramelo ou El síndrome de Mozart, lidos por alumnado do no noso instituto.
            A organización correu a cargo da responsable da biblioteca do IES de Allariz, María Sánchez, que nos brindou a oportunidade de poder coñecer persoalmente este escritor.
            A experiencia foi moi gratificante, descubrimos unha persoa próxima, educada e moi sensible cos problemas do Sahara.
            Rodeado de nenos na Fundación Vicente Risco da capital allaricense e respondendo todas as preguntas de maiores e sobre todo de pequenos, contounos o que tarda en escribir un libro, de onde xorden os títulos, o porqué das ilustracións…
Falou de case todas as súas obras: El beso del Sahara, Palabras de Caramelo, Soy un caballo… e presentou o seu último libro, Cama e conto, relatando como xurdiu a idea e a persoa na que se inspira.
Desde aquí aproveitamos para darlle as grazas a María por todo o seu esforzo na organización e a Gonzalo Moure polas súas palabras tan cheas de sentido e emoción.


 

ENCONTROS PLAMBE



Os días 7 e 8 de marzo celebráronse en Santiago os Encontros do Plan Mellora de Bibliotecas Escolares 2012/2013.
Ana Escudero, profesora de Plástica e responsable da biblioteca do noso centro, participou nunha mesa de experiencias cun relatorio, “A biblioteca como factor de compensación social”, na cal describiu a posta en marcha durante o presente curso do préstamo de ordenadores portátiles dende a biblioteca.
A xornada foi moi enriquecedora, coa posibilidade de encontros entre os responsables de máis de 400 bibliotecas escolares de toda Galicia, ademais da posibilidade de escoitar na clausura ao magnifico escritor Agustín Fernández Paz cunha magnifica exposición sobre “A construción do lector”.
Resultou un día intenso e inesquecible.