CLUB DE LECTURA EN INGLÉS
O Club de Lectura en Lingua Inglesa do IES Lagoa de Antela,Books and Spooks, comezou xa a súa andaina por segundo ano consecutivo, pero contando desta volta cun maior número de integrantes, xa que 22 foron os valentes estudantes de 3º de ESO que se animaron a sumerxirse nas lecturas propostas pola súa profesora. E non dicimos “valentes” porque o Inglés supoña un obstáculo para elas e eles, senón porque a temática dos textos cos que van a traballar está relacionada cos xéneros de misterio e terror.
Así, este primeiro trimestre achegaranse á figura de Edgar Allan Poe, explorando a vida deste autor norteamericano así como algunhas das obras que o converteron en todo un referente literario e unha icona da cultura popular, máis concretamente o poema “Annabel Lee” e dous relatos curtos adaptados.
Estade atentos, porque estas rapazas e rapaces xa están a traballar nunha “spooky literary station” para dar a coñecer ao resto do centro a importancia crucial deste autor e así animar a outras compañeiras e compañeiros a que este Samaín se adentren no macabro mundo imaxinario deste incomprendido xenio da literatura universal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario